domingo, 6 de noviembre de 2011

Benvida a Telpochcallí

O xoves foi o meu primeiro día de traballo, xa que o martes deixáronme recuperar da viaxe e o mércores era o Día de Defuntos, festivo nacional.

A chegada ao Telpochcallí resulta impactante, xa que o edificio destaca coa súa estrutura, o seu nome e dúas serpes voadoras que simbolizan o coñecemento e que se confontran porque tal coñecemento pode ser usado tanto para o ben como para o mal. Esta será a primeira das historias que agocha o edificio.

Cunha visita guiada vou coñecendo as instalacións e aos traballadores do Telpochcallí, que é un Centro de Educación Alternativa Rural, é dicir, un centro educativo eminentemente práctico, dirixido e adaptado ás necesidades da poboación local, polo que cobran especial importancia as tarefas agropecuarias, con diversidade de cultivos (iuca, papaia, tomate, pemento, frixoles,...), gando porcino e avícola e acuicultura.

Ademais de Centro Educativo é un Centro Tecnolóxico, onde se experimenta con variedades, técnicas de cultivo, acumulación de auga,...para despois facer a transferencia ás comunidades locais, que a pesar de vivir en gran medida da agricultura, non coñecen cales son os mellores cultivos e técnicas para sacar rendemento as súas terras.

O segundo elemento característico do edificio do Telpochcallí son as súas columnas. As dúas centrais mostran unha representación da planta do teocintle (antecesor do millo) e as 9 restantes están divididas en gravados na pedra que van explicando a historia dos indíxenas chorotegas desde a súa chegada de territorio mexicano ata a actualidade. Un edificio que conta historias, paréceme unha gran idea e ademais capacitaron a varios traballadores para guiar e contar esta historia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario