viernes, 25 de noviembre de 2011

La Poza de la Muta

Hoxe toca outra de sendeirismo, unha ruta impresionante na que a metade do camiño recorrese por un bonito sendeiro polo monte para chegar ata esta poza. Pero o mellor está por chegar... vedes as rochas a esquerda da cascada??



Pois por aí continúa a camiñata!!! A segunda parte faise seguindo o cauce do río, polas rochas, facendo escalada, por unha paisaxe impresionante. Toda unha aventura!!!

O enlace para que o poidades ver en Google Earth (aínda que non se ve nada porque sae con moitas nubes)

jueves, 17 de noviembre de 2011

Las 3 señoritas

Non vos vou presentar a 3 rapazas nicas, senón unha ruta de sendeirismo que leva desde a aldea de Palmira, ata uns cumios coñecidos como "Las 3 señoritas", porque nesa zona se perderon unhas rapazas. Estes tres cumios considéranse tamén como centros ceremoniais chorotegas, onde facían sacrificios humanos para venerar aos seus deuses.


 O camiño ten a súa dificultade, xa que hai unhas pendentes bastante considerables, pero sobre todo pola calidade do chan, que é granuloso e tórnase esbaradizo, pero ao chegar arriba e gozar das vistas, olvídanse estes esforzos.


Eiquí vos deixo o enlace para que a poidades ver en Google Earth.

martes, 15 de noviembre de 2011

Música, cultura e turismo


Onte mantivemos unha reunión cos compoñentes de varios grupos musicais tradicionais para sensibilizalos sobre as oportunidades do turismo en Totogalpa e cómo eles poden ser partícipes deste desenvolvemento.

Desde o INPRHU amosóuselle como o turista busca conectar coa poboación local, polo que gusta de coñecer as súas actividades, ritos, artesanías,... e como non, a súa música. Por iso se resaltou a importancia de recuperar e manter os auténticos ritmos nicas (son nica e mazurca), deixando de lado ritmos foráneos como a cumbia ou a ranchera.

Os grupos presentaron as súas necesidades, tanto de instrumentos como de indumentaria, que na medida do posible serán achegados con fondos deste proxecto.

Tamén as letras das cancións poden axudar a  describir as belezas deste territorio, polo que se convocou un concurso de creación de cancións con ritmos tradicionais e que na súa letra falen de Totogalpa.

Ao rematar a reunión os participantes amosábanse moi contentos por ter participado, e ilusionados coa idea de poder facer o que máis lles gusta, tocar a súa música.

lunes, 14 de noviembre de 2011

Qué fago nas miñas Vacacións con Traballo?


O meu traballo en Telpochcallí é unha especie de asesor turístico, dentro dun proxecto de desenvolvemento turístico cultural comunitario para mellorar os ingresos de 235 familias de 17 comunidades de Totogalpa.

O proxecto está encabezado pola ONG española Treball Solidari a través da AECID, e nun prazo de 2 anos pretende crear as condicións necesarias para que a poboación indíxena de Totogalpa, os Chorotegas, poidan mellorar a súa situación económica e cultural mediante o desenvolvemento do turismo a nivel local e nacional.

Nun período tan breve como é a miña estancia, a miña contribución serán as achegas que poida facer ás accións que se están a levar adiante nestes momentos, como a avaliación de rutas de sendeirismo, elaboración do inventario de recursos turísticos, melloras na sinalización, deseño de elementos promocionais,...

Mans á obra!

domingo, 6 de noviembre de 2011

Benvida a Telpochcallí

O xoves foi o meu primeiro día de traballo, xa que o martes deixáronme recuperar da viaxe e o mércores era o Día de Defuntos, festivo nacional.

A chegada ao Telpochcallí resulta impactante, xa que o edificio destaca coa súa estrutura, o seu nome e dúas serpes voadoras que simbolizan o coñecemento e que se confontran porque tal coñecemento pode ser usado tanto para o ben como para o mal. Esta será a primeira das historias que agocha o edificio.

Cunha visita guiada vou coñecendo as instalacións e aos traballadores do Telpochcallí, que é un Centro de Educación Alternativa Rural, é dicir, un centro educativo eminentemente práctico, dirixido e adaptado ás necesidades da poboación local, polo que cobran especial importancia as tarefas agropecuarias, con diversidade de cultivos (iuca, papaia, tomate, pemento, frixoles,...), gando porcino e avícola e acuicultura.

Ademais de Centro Educativo é un Centro Tecnolóxico, onde se experimenta con variedades, técnicas de cultivo, acumulación de auga,...para despois facer a transferencia ás comunidades locais, que a pesar de vivir en gran medida da agricultura, non coñecen cales son os mellores cultivos e técnicas para sacar rendemento as súas terras.

O segundo elemento característico do edificio do Telpochcallí son as súas columnas. As dúas centrais mostran unha representación da planta do teocintle (antecesor do millo) e as 9 restantes están divididas en gravados na pedra que van explicando a historia dos indíxenas chorotegas desde a súa chegada de territorio mexicano ata a actualidade. Un edificio que conta historias, paréceme unha gran idea e ademais capacitaron a varios traballadores para guiar e contar esta historia.

viernes, 4 de noviembre de 2011

Cruzando o Atlántico por vez primeira

Cruzar o charco foi unha experiencia moi tranquila, só unha advertencia, coidado ao abrir os iogures no avión, tenden a expandirse!!

O meu primeiro contacto con América foi o aeroporto de San José, ten unha imaxe moi marcada, acorde ao turismo de natureza, biodiversidade,… que para min ten Costa Rica. As tendas de recordos e libros están feitas de madeira, as cafeterías anuncian café natural dos cafetais costarricenses e a moqueta debuxa formas de follas, todo isto nun edificio moderno, confortable e moi ben servido.




O vó a Managua foi rapidiño, con algunhas turbulencias e ao chegar, tras pasar o control de migracións alí estaba a esperar por min Don Luís do INPRHU, que xunto co chofer Don Francisco me achegaron ata Somoto. Don Luís explicoume algunhas cousas de eiquí e preguntoume polas dalá, pero o meu cansazo facía que fose dando cabezadas.

Ao chegar a Somoto recibiunos Don Bislan, que será o meu anfitrión durante este mes, amosoume a miña habitación e debido as horas e ao cansanzo xa marchei a durmir.