domingo, 14 de agosto de 2011

Investir as vacacións

Onte sábado 13 de agosto, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade foi un dos protagonistas do programa da Cadena Ser "A vivir que son dos días Galicia". Entrevistaron ao presidente Alfredo Novoa Gil, a Patricia Varela (directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín) que participou en Vacacións con Traballo no ano 2010 en Santiago de Cuba e a min, como próximo participante.

Foi unha entrevista breve (lóxico, aínda non teño moito que contar) pero gustoume poder cambiar un concepto que se utilizara durante as entrevistas, onde se falara de "hipotecar as vacacións". Teño moi claro que non vou hipotecar as miñas vacacións, senón que Vacacións con Traballo é un investimento que reportará moitos beneficios no meu crecemento persoal.

Pincha para acceder á entrevista



viernes, 12 de agosto de 2011

As cousas non son tan diferentes

Estou lendo o libro “Municipalismo e solidariedade. Guía sobre a cooperación descentralizada”(enlazo a versión en castelán que foi a que atopei na rede) que nos deron na reunión informativa que tivemos no Fondo Galego e que me servirá para poñerme ao día en temas de cooperación, un mundo moi descoñecido para min ata agora.

Chámame especialmente a atención esta explicación de cómo funciona a débeda externa. Se miramos datos reais (evolución da débeda externa punto 3) vemos que o que os países do sur lle deben aos países do norte increméntase continuamente.

E non me chama polo inxusto do sistema, nin pola realidade de que os paises do sur aportan máis aos do norte que á inversa (en 2007 os países do norte adicaron 104.206,07 millóns de euros á axuda para o desenvolvemento e recibiron 523.000 millóns de retorno da débeda + xuros) senón porque me recorda moito a situación actual en España e países da contorna.

Os ricos (no noso caso coñecido como “mercados”) prestan o diñeiro ás economías nacionais e provocan situacións de inestabilidade para poder incrementar os xuros que perciben por eses préstamos. Para pagar eses xuros hai que incrementar a producción do país e, nesta economía global, as exportacións. Ante a necesidade de exportar surxe unha grande competitividade entre os distintos países polo que os prezos no mercado redúcense e os “mercados” mercan máis barato.