viernes, 25 de noviembre de 2011

La Poza de la Muta

Hoxe toca outra de sendeirismo, unha ruta impresionante na que a metade do camiño recorrese por un bonito sendeiro polo monte para chegar ata esta poza. Pero o mellor está por chegar... vedes as rochas a esquerda da cascada??



Pois por aí continúa a camiñata!!! A segunda parte faise seguindo o cauce do río, polas rochas, facendo escalada, por unha paisaxe impresionante. Toda unha aventura!!!

O enlace para que o poidades ver en Google Earth (aínda que non se ve nada porque sae con moitas nubes)

jueves, 17 de noviembre de 2011

Las 3 señoritas

Non vos vou presentar a 3 rapazas nicas, senón unha ruta de sendeirismo que leva desde a aldea de Palmira, ata uns cumios coñecidos como "Las 3 señoritas", porque nesa zona se perderon unhas rapazas. Estes tres cumios considéranse tamén como centros ceremoniais chorotegas, onde facían sacrificios humanos para venerar aos seus deuses.


 O camiño ten a súa dificultade, xa que hai unhas pendentes bastante considerables, pero sobre todo pola calidade do chan, que é granuloso e tórnase esbaradizo, pero ao chegar arriba e gozar das vistas, olvídanse estes esforzos.


Eiquí vos deixo o enlace para que a poidades ver en Google Earth.

martes, 15 de noviembre de 2011

Música, cultura e turismo


Onte mantivemos unha reunión cos compoñentes de varios grupos musicais tradicionais para sensibilizalos sobre as oportunidades do turismo en Totogalpa e cómo eles poden ser partícipes deste desenvolvemento.

Desde o INPRHU amosóuselle como o turista busca conectar coa poboación local, polo que gusta de coñecer as súas actividades, ritos, artesanías,... e como non, a súa música. Por iso se resaltou a importancia de recuperar e manter os auténticos ritmos nicas (son nica e mazurca), deixando de lado ritmos foráneos como a cumbia ou a ranchera.

Os grupos presentaron as súas necesidades, tanto de instrumentos como de indumentaria, que na medida do posible serán achegados con fondos deste proxecto.

Tamén as letras das cancións poden axudar a  describir as belezas deste territorio, polo que se convocou un concurso de creación de cancións con ritmos tradicionais e que na súa letra falen de Totogalpa.

Ao rematar a reunión os participantes amosábanse moi contentos por ter participado, e ilusionados coa idea de poder facer o que máis lles gusta, tocar a súa música.

lunes, 14 de noviembre de 2011

Qué fago nas miñas Vacacións con Traballo?


O meu traballo en Telpochcallí é unha especie de asesor turístico, dentro dun proxecto de desenvolvemento turístico cultural comunitario para mellorar os ingresos de 235 familias de 17 comunidades de Totogalpa.

O proxecto está encabezado pola ONG española Treball Solidari a través da AECID, e nun prazo de 2 anos pretende crear as condicións necesarias para que a poboación indíxena de Totogalpa, os Chorotegas, poidan mellorar a súa situación económica e cultural mediante o desenvolvemento do turismo a nivel local e nacional.

Nun período tan breve como é a miña estancia, a miña contribución serán as achegas que poida facer ás accións que se están a levar adiante nestes momentos, como a avaliación de rutas de sendeirismo, elaboración do inventario de recursos turísticos, melloras na sinalización, deseño de elementos promocionais,...

Mans á obra!

domingo, 6 de noviembre de 2011

Benvida a Telpochcallí

O xoves foi o meu primeiro día de traballo, xa que o martes deixáronme recuperar da viaxe e o mércores era o Día de Defuntos, festivo nacional.

A chegada ao Telpochcallí resulta impactante, xa que o edificio destaca coa súa estrutura, o seu nome e dúas serpes voadoras que simbolizan o coñecemento e que se confontran porque tal coñecemento pode ser usado tanto para o ben como para o mal. Esta será a primeira das historias que agocha o edificio.

Cunha visita guiada vou coñecendo as instalacións e aos traballadores do Telpochcallí, que é un Centro de Educación Alternativa Rural, é dicir, un centro educativo eminentemente práctico, dirixido e adaptado ás necesidades da poboación local, polo que cobran especial importancia as tarefas agropecuarias, con diversidade de cultivos (iuca, papaia, tomate, pemento, frixoles,...), gando porcino e avícola e acuicultura.

Ademais de Centro Educativo é un Centro Tecnolóxico, onde se experimenta con variedades, técnicas de cultivo, acumulación de auga,...para despois facer a transferencia ás comunidades locais, que a pesar de vivir en gran medida da agricultura, non coñecen cales son os mellores cultivos e técnicas para sacar rendemento as súas terras.

O segundo elemento característico do edificio do Telpochcallí son as súas columnas. As dúas centrais mostran unha representación da planta do teocintle (antecesor do millo) e as 9 restantes están divididas en gravados na pedra que van explicando a historia dos indíxenas chorotegas desde a súa chegada de territorio mexicano ata a actualidade. Un edificio que conta historias, paréceme unha gran idea e ademais capacitaron a varios traballadores para guiar e contar esta historia.

viernes, 4 de noviembre de 2011

Cruzando o Atlántico por vez primeira

Cruzar o charco foi unha experiencia moi tranquila, só unha advertencia, coidado ao abrir os iogures no avión, tenden a expandirse!!

O meu primeiro contacto con América foi o aeroporto de San José, ten unha imaxe moi marcada, acorde ao turismo de natureza, biodiversidade,… que para min ten Costa Rica. As tendas de recordos e libros están feitas de madeira, as cafeterías anuncian café natural dos cafetais costarricenses e a moqueta debuxa formas de follas, todo isto nun edificio moderno, confortable e moi ben servido.




O vó a Managua foi rapidiño, con algunhas turbulencias e ao chegar, tras pasar o control de migracións alí estaba a esperar por min Don Luís do INPRHU, que xunto co chofer Don Francisco me achegaron ata Somoto. Don Luís explicoume algunhas cousas de eiquí e preguntoume polas dalá, pero o meu cansazo facía que fose dando cabezadas.

Ao chegar a Somoto recibiunos Don Bislan, que será o meu anfitrión durante este mes, amosoume a miña habitación e debido as horas e ao cansanzo xa marchei a durmir.

jueves, 20 de octubre de 2011

Binta y la gran idea

Hoxe toca película!! É unha recomendación que nos fixeron aos participantes de Vacacións con Traballo desde o Fondo Galego de Cooperación. "Binta y la gran idea" é unha curta de Javier Fesser que forma parte da película de UNICEF "En el mundo a cada rato".

Estivo nominada en 2007 para o Óscar a mellor curtametraxe, e a pesar diso e de ser dun director recoñecido, para min era completamente descoñecida. Recoméndovos que a vexades, xa que vos sorprenderá e fará que reflexionedes.



¿Quen necesita axuda?¿Qué se aporta e que se recibe na cooperación? Agardo os vosos comentarios!!

lunes, 17 de octubre de 2011

Os blogs dos meus compañeir@s de experiencia

Este ano somos catro os afortunados participantes no programa Vacacións con Traballo, dous deles, María José Pérez González e Joaquín Lede, xa están a cooperar en Cabo Verde. Podedes botarlle un ollo aos seus blogs para coñecer un pouco máis dese país e de como se desenvolve o programa. A min quédanme dúas semanas, agardo impaciente a que chegue o 31!! 

Blog de María José (Paúl, Cabo Verde):

Blog de Joaquín (Porto Novo, Cabo Verde): http://vacacionscontraballo2011.wordpress.com/

Imaxe de María José do Val da Ribeira de Paúl. A min lémbrame a outra Ribeira...

viernes, 30 de septiembre de 2011

VGO-MAD-SJO-MGA-MIA-MAD-VGO

Derradeiro día de setembro, o que significa que queda exactamente un mes para a miña viaxe… xa queda menos, pero como soe pasar nestes casos aínda semella lonxe. Porque sí, xa teño voos confirmados e estarei fora de territorio español o mes de novembro, xa que despego o 31 de outubro e chego o 1 de decembro.

Será o meu primeiro voo transoceánico e a miña primeira relación co “jet lag” ¿algunha recomendación?? Tamén se aceptan suxestións para pasar o rato no avión e nas escalas, xa que pasarei 18 horas á ida e 21 á volta en avións e aeroportos (cruzo os dedos para que non haxa atrasos).

domingo, 14 de agosto de 2011

Investir as vacacións

Onte sábado 13 de agosto, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade foi un dos protagonistas do programa da Cadena Ser "A vivir que son dos días Galicia". Entrevistaron ao presidente Alfredo Novoa Gil, a Patricia Varela (directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín) que participou en Vacacións con Traballo no ano 2010 en Santiago de Cuba e a min, como próximo participante.

Foi unha entrevista breve (lóxico, aínda non teño moito que contar) pero gustoume poder cambiar un concepto que se utilizara durante as entrevistas, onde se falara de "hipotecar as vacacións". Teño moi claro que non vou hipotecar as miñas vacacións, senón que Vacacións con Traballo é un investimento que reportará moitos beneficios no meu crecemento persoal.

Pincha para acceder á entrevista



viernes, 12 de agosto de 2011

As cousas non son tan diferentes

Estou lendo o libro “Municipalismo e solidariedade. Guía sobre a cooperación descentralizada”(enlazo a versión en castelán que foi a que atopei na rede) que nos deron na reunión informativa que tivemos no Fondo Galego e que me servirá para poñerme ao día en temas de cooperación, un mundo moi descoñecido para min ata agora.

Chámame especialmente a atención esta explicación de cómo funciona a débeda externa. Se miramos datos reais (evolución da débeda externa punto 3) vemos que o que os países do sur lle deben aos países do norte increméntase continuamente.

E non me chama polo inxusto do sistema, nin pola realidade de que os paises do sur aportan máis aos do norte que á inversa (en 2007 os países do norte adicaron 104.206,07 millóns de euros á axuda para o desenvolvemento e recibiron 523.000 millóns de retorno da débeda + xuros) senón porque me recorda moito a situación actual en España e países da contorna.

Os ricos (no noso caso coñecido como “mercados”) prestan o diñeiro ás economías nacionais e provocan situacións de inestabilidade para poder incrementar os xuros que perciben por eses préstamos. Para pagar eses xuros hai que incrementar a producción do país e, nesta economía global, as exportacións. Ante a necesidade de exportar surxe unha grande competitividade entre os distintos países polo que os prezos no mercado redúcense e os “mercados” mercan máis barato.


sábado, 23 de julio de 2011

100 días para o despegue!!

Todavía non é segura a data de saída, pero é probable que viaxe o 31 de outubro. Por tanto faltan 100 días para que comece esta agardada experiencia, un bo momento para comezar este blog onde narrarei todo o que aconteza! Antes da viaxe escribirei sobre a preparación da viaxe, Nicaragua e Totogalpa ou a Cooperación Internacional,... aceptánse suxerencias e agardo que vos resulte de interése.

Graciñas por lerme, e por favor, comentade, que fará isto moito máis interesante!